BENEFICIARIO
Poderán ser beneficiarias das axudas directas previstas nesta orde:
- Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, e profesionais (de ser o caso, mutualistas) en réxime de estimación obxectiva, con domicilio fiscal en Galicia e que exerzan unha actividade económica.
- Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, os profesionais e empresas, con domicilio fiscal en Galicia, que exerzan unha actividade económica e que teñan unha caída do volume de operacións anual declarado ou comprobado pola Administración, no imposto sobre o valor engadido ou tributo indirecto equivalente, de máis dun 30 % no ano 2020 respecto do ano 2019.
- Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que continúan coa súa actividade, aínda que non estean de alta no momento de presentación da solicitude e estean de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses nalgún dos anos 2019 ou 2020. Para os efectos desta orde, ás persoas traballadoras autónomas que estean de alta durante un período superior a 9 meses aplicaráselles o réxime xeral e non o de tempada.
- Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas e empresas dadas de alta ou creadas entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de marzo de 2020 e empresas que realizasen unha modificación estrutural da sociedade mercantil entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.
GASTO SUBVENCIONABLE
Son subvencionables os seguintes conceptos:
- O pagamento da débeda a provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, que debe estar pendente o 30 de setembro de 2021, aínda que xa estivese realizado na data de presentación da solicitude, e proceder de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021.
- A compensación dos custos fixos en que se incorreu, e sempre que fosen xerados entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e que procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021. Inclúense as perdas contables propias da actividade empresarial que non fosen xa cubertas por estas ou outras axudas.
No caso de persoas empresarias ou profesionais que apliquen no réxime de estimación obxectiva no imposto da renda das persoas físicas no ano 2019 e/ou no ano 2020, a axuda concederase por un importe máximo de 3.000 euros.
No caso das restantes persoas traballadoras autónomas, empresarias ou profesionais e empresas, a axuda máxima total concedida non poderá superar ningún dos seguintes importes:
- Primeiro: 200.000 euros.
- Segundo: o 40 % da caída do volume de operacións no ano 2020 respecto do ano 2019, que supere o 30 % da caída de facturación nese período, no caso de empresarios ou profesionais que apliquen o réxime de estimación directa no imposto sobre a renda das persoas físicas, así como as entidades e establecementos permanentes que teñan un máximo de 10 empregados/as.
- Terceiro: o 20 % da caída do volume de operacións no ano 2020 respecto do ano 2019, que supere o 30 %, da caída de facturación nese período, no caso de entidades, empresarios ou profesionais e establecementos permanentes que teñan máis de 10 empregados/as.
Non obstante o establecido nos puntos segundo e terceiro anteriores, a axuda mínima será de 4.000 €, sempre que existan débedas pendentes ou compensación de custos fixos por ese importe
Para as persoas autónomas de tempada, os importes da axuda serán o 50 % das cantidades indicadas anteriormente.
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de novembro de 2021.
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información pode consultarse a ORDE do 18 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19, mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 e a Sede Electrónica da Xunta.