Xa estamos ben entrados no 2018; agora que a nosa vida volveu ao seu ritmo habitual é importante revisar ben o noso mundo dixital. Para estarmos seguros na rede, é importante utilizar contrasinais axeitados e renovalos de cando en vez. Ademais, tamén debemos asegurarnos de pechar as nosas sesións, controlar que información temos na rede e ter man de que non suplanten a nosa identidade.
Desde Emprende Na Rede elaboramos unha lista de pasos que se deberán seguir para ter todo baixo control.
Para evitar accesos non desexados:
- Non te conectes en redes públicas ou pouco seguras se vas consultar o email, a conta bancaria, etc. As redes públicas evitan o consumo dos datos móbiles pero os nosos datos quedan moi expostos a que outros accedan a eles. Emprega estas redes públicas sendo consciente dos riscos.
- Asegúrate de que na barra do navegador se emprega o protocolo seguro https:// ou ben ten algún plugin ou engadido que force o uso deste protocolo, por exemplo HTTPS Everywhere.
- Utiliza contrasinais seguros de máis de 8 díxitos con números, símbolos, maiúsculas e minúsculas para dificultar ataques por forza bruta. Ademais é conveniente que os cambies cada certo tempo, este é un bo momento para renovalos. Ano novo, contrasinais novos!
- Emprega un segundo factor de autenticación, por exemplo a verificación en dous pasos, na que se usa unha mensaxe ou dispositivo previamente autenticado na conta en cuestión.
- É moi importante que non facilites credenciais en redes sociais xa que estas nunca serán necesarias para realizar cambios. Igualmente, un organismo público ou o teu banco nunca che pedirán datos a través de correo electrónico xa que este, a non ser que se tomen as precaucións necesarias, envía o texto en plano e sen ningún tipo de cifrado.
Para recuperar o acceso en caso de problemas:
- Incorpora un número e/ou mail de recuperación á túa conta. Así poderás renovar o teu contrasinal con facilidade.
- Non uses a pregunta de recuperación como tal, é dicir, emprega unha resposta que non teña nada que ver coa pregunta e que sexa segura (usar contrasinais de máis de 8 díxitos con números, símbolos, maiúsculas e minúsculas) xa que algúns usuarios malintencionados intentan explotar ese acceso probando todas as respostas posibles.
- Revisa as opcións que nos ofrecen as distintas redes sociais no que se refire á privacidade e seguridade. Desta maneira poderás configurar desde quen pode acceder aos teus datos, imaxes, etc. ata o xeito en que recuperas un contrasinal; por exemplo, Twitter nos da unha opción para crear un arquivo de recuperación ademais da autenticación en dous pasos que xa ofrecen os servizos de gmail, hotmail, instagram, facebook, whatsapp…
- Se desexas cifrar os teus correos tes varias opcións: podes empregar servizos como protonmail, tutanota, hushmail… ou ben instalar un xestor de correo como thunderbird e empregar engadidos como pgp e enigmail, etc. para firmar e cifrar os teus emails. Isto, ademais de darlle unha capa extra de seguridade ao teu correo ao firmalo, aseguraría o non repudio, integridade e autenticidade da mensaxe.