Entrevista realizada por Jan Cruces e María Lago, do Programa de Emprego Maiv Garantía Xuvenil 20
O venres pasado tivemos a oportunidade de facerlle unha entrevista a Dina, usuaria da Mancomunidade responsable da marca Pula Pula, que ten como finalidade a transformación de pantalóns vaqueiros para darlle unha segunda vida e convertilos en fantásticos novos accesorios, coma bolsos ou carteiras.
– Como xurdiu o teu proxecto?
Dina: O proxecto de Pula Pula parte de que levaba tempo tentando crear un negocio. Primeiro comecei facendo marmeladas, pero foi moi difícil porque Sanidade non aceptaba o proxecto. Despois tentei facer bálsamo labial pero tampouco foi aceptado.
Máis tarde unha amiga, que sabía coser, propúxome crear un negocio con ela, pero eu nese momento non aceptei. Pero o que ela facía era moi interesante e chamoume a atención: crear e poder reciclar, por exemplo, un pantalón vello e convertilo nun accesorio novo.
Gracias a isto cada día estou máis contenta e con máis ideas para seguir creando novos deseños.
– Que é o que máis che gusta do traballo que realizas?
Encantame cando vexo o resultado final, é dicir, cando o bolso, por exemplo, está rematado, e penso en cal foi o camiño que percorreu ese produto: como dun pantalón vello, roto, puiden transformalo nun precioso bolso.
– Como ves o teu proxecto de aquí a 5 anos?
Eu creo que é un proxecto con futuro. Mírome grande dentro de 5 anos porque a xente percibe que fago un bo produto e de moi boa calidade. Ademais, o feito de estar reutilizando, dándolle unha segunda vida a algo que en principio xa non servía, é algo que a xente valora moito. Dun pantalón vaqueiro eu reutilizo todo.
A longo prazo penso ir un paso máis aló e comezar a mesturar diferentes materiais coma, por exemplo, a polipel.
– Cal é a maior dificultade do teu traballo?
Sen dúbida, o máis dificultoso para min é o proceso de traballar coa tela vaqueira. É un proceso moi longo: primeiro tes que lavar as telas, despois planchalas e, por último, desfacelas para a súa posterior transformación. É un proceso moi laborioso pero, sen dúbida, o resultado é moi satisfactorio.
– Cal é o medio de distribución dos teus produtos?
Principalmente contáctanme por WhatsApp, pero recentemente lancei a miña propia páxina web e estou comezando a comercializar os meus produtos tamén por ela.
– Cres que é difícil emprender?
Eu creo que se es unha persoa con forza de vontade, todo é posible. Eu non comprendo por que hai xente que di que non ten traballo: hai moitísimas cousas que podes facer por ti mesmo. É certo que igual non consegues o traballo dos teus soños ou coas mellores condicións pero, para poder saír adiante eu creo que algo sempre podes facer. En resumo: é difícil pero non imposible. Hai que, alomenos, intentalo.
– En relación coa Mancomunidade, como coñeciches os servizos que ofrece?
Eu souben dela grazas a un curso de emprendedores que estaba a facer en Ponteareas, onde me diron o nome e a dirección de Pedro, un dos axentes de emprego da Mancomunidade. Despois de falar con el, gustáronme moito a axuda e a orientación dadas en relación ó meu proxecto persoal.
– Recomendarías estes servizos a alguén?
Sí, totalmente. Recomendo moito a Mancomunidade a todo aquel que queira decidirse a emprender, xa que estou encantada cos servizos que se me ofreceron. Tamén agradezo o traballo que fixestes dende o Obradoiro de Emprego, xa que me resultou moi cómodo traballar con vós toda a identidade corporativa da miña empresa.
Finalmente, tamén estou moi agradecida por toda a axuda que me brindou Lourdes: grazas a ela o meu proxecto está a ir moi ben, cada día mellor.