Na MAIV tivemos o pracer de traballar con Mónica Vázquez. Ela é a Wedding Planner da empresa “Adoro las Bodas” e a alma que está detrás deste novo proxecto empresarial que aspira a converterse nun referente no sector da organización de vodas. Gustaríanos compartir convosco a entrevista que lle realizamos co fin de que poidades coñecer un pouco máis sobre ela e sobre o seu proxecto.
Mónica é unha profesional emprendedora, experta en organización e coordinación de vodas, á que lle preguntamos, entre outras cousas, que foi o que lle motivou a emprender. Cóntanos que, analizando o seus futuro profesional, plantexouse a opción de dedicarse pola súa conta a aquilo que lle apaixonaba. “Pois vouno intentar ; eu creo que isto podo facelo ben e fágoo con vocación, porque me gusta”, pensou e é nese momento onde se decide a crear a súa propia empresa e a chamala “Adoro las Bodas”, co cal os noivos conxeniarán.
Falamos tamén dos retos e desafíos que supón nestes tempos ser unha persoa emprendedora e coméntanos que foi o máis difícil: “non atopaba a ninguén que me asesorase nin a ninguén que me dese algunha idea de como poñer en marcha o meu proxecto “, o que supuxo un inconveniente e é nese punto onde entra o Servizo de Asesoramento a Emprendedores da MAIV.
Como atopaches a Mancomunidade? e que papel ten agora Adoro las Bodas na web e nas Redes Sociais?
Estaba a comprar nunha libraría e vin na parede que poñía: “Proxecto co apoio de…..”. Entón pregunteille á moza da libraría e díxome: “Ti vas á Mancomunidade de Vigo e alí presentas o teu proxecto de empresa e bótanche unha man.” Así foi como dixen: “Pois vou ir”. E claro, eu ía con baixas expectativas e sen embargo, leveime unha grata sorpresa ao ver todo o apoio que podían darme dende o seu servizo, xa que me dixeron que me ían axudar co logo, coa páxina, que ían axudarme a facer os trámites de alta… Para min, foi incrible.
A MAIV empezou a facer cousas polo meu proxecto de empresa, creron en min, apoiáronme e recibíronme con ilusión e eu tamén lles transmitín a miña. Agora a xente ve o meu novo logotipo, a tarxeta nova, ve a páxina web, entón dinme: “Oe, pois si que se ve que estás a facer as cousas ben, a tarxeta ten moi boa presentación…”
Actualmente o sector nupcial presenta moita competencia, os noivos son cada vez máis esixentes e están ao día das tendencias… por que deberiamos escoller Adoro las Bodas?
Porque o fago por vocación, encántame este traballo, esfórzome ao 100% para que as vodas sexan perfectas, son moi perfeccionista. Ademais creo que agora mesmo estou moi preparada para que os noivos poidan confiar en min.
Tamén sei perfectamente como e onde atopar todos os provedores que unha parella de noivos necesita para que a súa voda sexa exactamente como desexa e imaxina. É dicir, calquera cousa que me pidan, eu sei que mañá mesmo a podo conseguir e sei que vou a facilitar moitísimo o traballo aos noivos, porque van contar cunha persoa ao seu lado pendente de todos os detalles, de que todo saia ben, que os vai apoiar en todo o proceso de preparación e tamén o día da voda, mentres eles soamente deberán preocuparse de desfrutar.
Mirando cara ao futuro, Onde ves posicionada a túa empresa dentro de 5 ou 10 anos?
A miña expectativa é facer cada vez máis vodas e chegar a ser un referente en Galicia. É dicir, que calquera persoa dentro do sector ou que fale de vodas en Galicia diga: “Ah si, coñecemos a Adoro las Bodas”.
Nestes momentos eu xa teño o meu oco e vexo que xa a todo o mundo lle empezo a soar.
A miña idea é que cando penses nunha Wedding Planner en Galicia, che veña á cabeza Adoro las Bodas.