A finalidade desta convocatoria do Concello de Vigo é incentivar a programación e organización de actividades socioculturais no Auditorio-Pazo de Congresos Mar de Vigo, a través da concesión de axudas dirixidas a financiar parcialmente os gastos das actividades realizadas neste recinto por empresas organizadoras (espectáculos, concertos, actividades artísticas ou calquera outro evento cultural).
Para poder ser subvencionadas, as actividades teñen que realizarse no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, ambos inclusive.
Beneficiarios
Poderán solicitar estas subvencións as empresas, persoas xurídicas ou sociedades mercantílegalmente constituídas, cos seguintes requisitos:
- Que teñan entre os seus fins a realización de actividades relacionadas co ámbito sociocultural.
- Que sexan directamente organizadoras da actividade e teñan capacidade suficiente para organizala.
- Que se atopen ao corrente das obrigas tributarias e cumpran as obrigas laborais e de prevención establecidas.
- Que realicen a actividade sociocultural nos espazos do Auditorio-Pazo de Congresos Mar de Vigo dentro do período establecido.
Exclusións:
Non poderán acollerse á presente convocatoria as persoas físicas nin as entidades sen ánimo de lucro.
Tampouco poderán ser beneficiarias as entidades incursas nalgunha das prohibicións previstas na Lei 38/2003, xeral de subvencións, ou na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Actividades subvencionables
Poderán ser subvencionables os gastos directamente relacionados coa organización de actividades socioculturais nos espazos do Auditorio-Pazo de Congresos Mar de Vigo, sempre que sexan necesarios e se produzan no período de subvención (do 1 de novembro de 2025 ao 31 de outubro de 2026), como por exemplo:
- Cachés, honorarios e nóminas dos/as artistas.
- Produción técnica e escenografía.
- Aluguer de equipos e/ou materiais técnicos.
- Gastos de publicidade epromoción da actividade
- Dereitos de autor,…
Ademais, as actividades organizadas deben ser susceptibles de goce público (abertas a todo o público), non poden ter carácter partidista ou suponer vulneración do ordenamento xurídico vixente.
A subvención presentarase para unha actividade específica e non para una programacion xenérica da empresa.
Contía da axuda
A subvención poderá acadar o 50% do custo total da actividade proposta.
Poderá solicitarse subvención para unha ou varias actividades que cumpran os requisitos establecidos nestas bases. Deberá presentarse solicitude e anexos para cada unha delas.
O máximo de subvención que pode recibir unha mesma empresa é de 200.000 euros.
Prazo de solicitudes
Do 11 de setembro ao 8 de outubro de 2026.
Outra información de interese
As axudas da presente convocatoria concederanse en réxime de concorrencia competitiva, é dicir, as solicitudes compiten entre sí tendo en conta os criterios establecidos nas bases, que son:
- Viabilidade económica e financeira da actividade: ata 15 puntos
- Traxectoria da empresa solicitante: ata 25 puntos
- Importe (gastos) da actividade: ata 40 puntos
- Prezo da entrada: ata 20 puntos
As solicitudes presentaranse exclusivamente por medios electrónicos a través da sede electrónica do Concello de Vigo (sede.vigo.org), utilizando os modelos oficiais de solicitude aprobados coas bases, dispoñibles tamén na web.
Estas subvencións son compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o importe total da subvención poida superar o custo total da actividade subvencionada.
Máis información
Consulta as bases e o Extracto da convocatoria publicado Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO núm. 174).
Acceder ao procedemento de solicitudes na Sede electrónica do Concello de Vigo: sede.vigo.org
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ninguna circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

