Co comezo do ciclo lectivo arrancan tamén os obradoiros de emprego. Trátanse de programas mixtos de emprego e formación que permiten acceder a un certificado de profesionalidade. Están orientados a persoas en situación de desemprego co obxectivo de que melloren a súa empregabilidade e aprendan un oficio. Actualmente, na CCAA de Galicia, ofértanse dúas modalidades:
– Duais: Duración de 9 meses
– De Garantía Xuvenil. Orientado a xente nova menor de 30 anos, cunha duración de 6 meses.
Estes programas supoñen unha opción moi atractiva tanto para o alumnado-traballador, como para as empresas que colaboran e a Administracion local, pois todos saen gañando. ¿Como? Os participantes aplican de forma práctica, nas empresas ou na Administración Local que os promove, os coñecementos que van adquirindo alternando formación e traballo. Ó finalizar reciben un certificado de profesionalidade válido en toda Europa.
O funcionamento do Obradoiro de Emprego da MAIV (Mancomunidade da Area Intermunicipal de Vigo) é un bo exemplo. Neste proxecto, un total de 16 persoas estanse formando nas seguintes especialidades:
– Deseño gráfico (8 persoas)
– Xestión de marketing e comunicación, cunha orientación ao marketing dixital (8 persoas).
A súa experiencia laboral céntrase na realización de traballos para a propia Mancomunidade e no reforzo ao Servizo de Asesoramento a Emprendedores (servizo público e gratuito de apoio á creación de empresas no territorio da MAIV). O alumnado-traballador do obradoiro aplica o aprendido asesorando ás empresas de recente creación nos ámbitos do deseño gráfico e a imaxe dixital: desde orientación no seu modelo de negocio, o deseño da súa paxina web, a realización da imaxe corporativa ou logotipo, etc.
| Cambios no sector laboral |
O director do Obradoiro «MAIV Garantía Xuvenil 2019«, C.J.F, ponnos en situación : “Imaxina que tes 40-50 anos, que levas toda a vida traballando nun sector e non tes estudos nin un certificado que avale estes coñecementos. Á hora da contratación, coa nova lei, é necesaria unha titulación e ese é un dos motivos polos que se crearon os obradoiros”.
Estes programas de formación e emprego xorden polas novas necesidades do mercado. Por iso, a oferta de obradoiros tamén vai cambiando para adaptarse mellor ó mercado local: “No 2015 na MAIV ofrecíamos formación en Administración e Xestión documental, ademais de Tecnoloxías web. Este ano impartimos Deseño gráfico e Marketing e Comunicación” explica o director. “ É a entidade a que propón as especialidades do Obradoiro. O criterio é sempre buscar especialidades cunha saída laboral potente dentro do mercado laboral” recalcaba finalmente.
E é que o obxectivo dos obradoiros, enmarcados dentro do plan estratéxico Galicia 2015-2020 baixo as recomendacións da UE, é reducir a taxa de paro e crear postos de traballo sostibles. Para iso, realizáronse actuacións dirixidas a mellorar a empregabilidade, inserción no mercado… As cifras do ano pasado falan por si mesmas: case o 60% do alumnado do Plan Galego de formación obtivo un contrato de traballo.
O financiamento provén do FSE (Fondo Social Europeo), dentro do Plan de Garantía Xuvenil. Está enmarcado na estratexia europea para a reinserción da xente nova neste mercado actual cambiante e en constante evolución.
Estes obradoiros, que supoñen un gran empuxe para a reinserción laboral, precisan dunha Administración local colaboradora, que como entidade mais próxima á poboación, é a coñecedora do tecido local e dos perfís profesionais mais demandados no territorio. Un exemplo destas entidades sería a MAIV, que no seu caso creouse no ano 1993 para realizar obras e servizos na mellora da comunidade e as súas áreas circundantes e leva xa desde o 2015 executando este tipo de programas de emprego e formación para a mocidade. E é que, así como vai cambiando o mercado, fano tamén as ofertas de emprego e a xente nova ten que adaptar os seus coñecementos.