A súa finalidade é a de promover a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (en adiante, CEE) na provincia de Pontevedra a través de subvencións destinadas a financiar os contratos do persoal das unidades de apoio á actividade profesional e do persoal que desenvolva accións de coordinación ou dirección.
Beneficiarios
Poderán solicitar estas axudas os CEE sen ánimo de lucro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Figurar inscritos como centro especial de emprego no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, de 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no citado rexistro.
b) Ter recoñecida a súa condición como centro especial de emprego sen ánimo de lucro.
c) Constar obrigatoriamente o domicilio social e o centro de traballo na provincia de Pontevedra.
d) Estar ao corrente das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.
e) Non incorrer en ningunha das prohibicións previstas na LXS nin estar incluídos nos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas.
Actividades subvencionables
Serán subvencionables os custos salariais das unidades de apoio durante todo o ano natural de 2025, xa sexan contratos formalizados con anterioridade ou posterioridade á publicación destas bases. A contía da subvención dependerá dos tramos establecidos na base décimo primeira; percibirase o 100 % cando se xustifiquen os citados gastos por importe igual ou superior e se manteñan contratadas o número de persoas con discapacidade do CEE que se tivo en conta para adxudicar o importe da subvención; de non ser así, realizarase o axuste proporcional, tomando como referencia a media anual das persoas contratadas ao longo dos meses do período subvencionable, sen que o número ou a tipoloxía dos contratos das unidades de apoio inflúa para estes efectos.
Criterios de avaliación
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Para a repartición das cantidades das subvencións terase en conta a media de persoas con discapacidade contratadas no CEE indicadas nos informes de datos para a cotización e información por período de liquidación e conta de cotización (Idcpl-ccc) da totalidade dos meses do exercicio anterior (anualidade de 2024) achegado na fase de solicitude, sen que sexan acumulables os seguintes tramos:
a) 10 ou menos persoas traballadoras con discapacidade: 3.500,00 euros
b) De 11 a 20 persoas traballadoras con discapacidade: 5.500,00 euros
c) De 21 a 30 persoas traballadoras con discapacidade: 7.500,00 euros
d) De 31 a 40 persoas traballadoras con discapacidade: 10.500,00 euros
e) De 41 a 50 persoas traballadoras con discapacidade: 13.500,00 euros
f) Máis de 50 persoas traballadoras con discapacidade: 15.000,00 euros
Para estes efectos, entenderanse como traballadoras ou traballadores con discapacidade dos CEE aquelas persoas contratadas que, segundo a normativa, se atopen nalgún dos supostos:
a) Persoas con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
Contía
Só se concederá unha subvención por entidade. O importe máximo das axudas será de quince mil (15.000,00) euros para cada unha das entidades solicitantes. En caso de que o crédito dispoñible fose insuficiente, farase un rateo proporcional entre todas as solicitudes que resultasen seleccionadas para recibir a subvención.
Prazo
Ata o 9 de julio.
Máis información
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.