A través desta convocatoria, as empresas galegas poderán beneficiarse de axudas para asumir parcialmente o custe de diagnósticos enerxéticos ou investimentos en equipamentos, sistemas ou outros elementos que contribúan a unha mellora da eficiencia enerxética realizados entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2025.
Só serán subvencionables as actuacións que acaden un investimento mínimo de 1.000 euros (200 euros no caso do bono asesoramento enerxético), excluído o IVE.
O programa inclúe as seguintes liñas:
- BONO ASESORAMENTO ENERXÉTICO, que inclúe:
- Diagnoses enerxéticas que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análises de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía avaliando o custe e aforro económico derivado.
- Auditorías enerxéticas, que na parte de proposta de mellora debe analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de telexestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.
As empresas contratadas para a realización de diagnoses/auditorías deben estar incluídas na listaxe de empresas autorizadas do INEGA.
- BONO ENVOLVENTE: elementos de control solar. Serán subvencionables os toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores (en ningún caso se subvencionarán os elementos que incorporen publicidade).
- BONO ILUMINACIÓN: renovación de iluminación interior e/ou exterior (incluídos rótulos e escaparates) por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
- BONO INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade.
- BONO EQUIPAMENTO: renovación do equipamento consumidor de enerxía (cafeteiras, vending, frigoríficos e outros electrodomésticos) e calquera equipamento de consumo enerxético cunha cualificación enerxética B ou superior.
- BONO CLIMATIZACIÓN: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control.
- BONO INMÓTICA: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permiten xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.
BENEFICIARIOS
Empresas legalmente constituídas e autónomos que teñan domicilio fiscal ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
- Sección G (división 45 a 47): comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas
- Sección H (división 49 a 53): transporte e almacenamento
- Sección I (división 55 a 56): hostalería.
- Sección J (división 58 a 63): informacións e comunicacións
- Sección K (división 64 a 66): actividades financeiras e de seguros
- Sección L (división 68) : actividades inmobiliarias
- Sección M (división 69 a 75): actividades profesionais
- Sección N (división 77 a 82): actividades administrativas e servizos auxiliares
- Sección P (división 85) : educación
- Sección Q (división 86 a 88): actividades sanitarias e de servizos sociais
- Sección R (división 90 a 93): actividades artísticas, creativas e de entretemento
- Sección S (división 94 a 96): outros servizos
GASTOS SUBVENCIONABLES
- Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes melloras enerxéticas establecidas na convocatoria
- A realización dos diagnósticos/auditorías e do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.
Non serán subvencionables:
- Os gastos de legalización
- O IVE
- Pagamento de licenzas, aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos como non subvencionables no artigo 29 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia
- As operacións de mantemento (reposición)
- As instalación de xeración eléctrica fotovoltaica
- En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.
CONTÍA DAS AXUDAS
A contía da subvención será do 80% do custe elixible da actuación, cun máximo de a 6.000 € por solicitude, con carácter xeral (sen ter en conta a axuda asociada ao bono de asesoramento enerxético que non computará para este límite).
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de xuño de 2025.
A TER EN CONTA
- O investimento mínimo por solicitude, para que a actuación sexa subvencionable, é de 1.000 € (IVE excluído) ou 200 € no caso de que a solicitude recolla exclusivamente o “bono de asesoramento enerxético”
- Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá recoller unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía. Excepcionalmente, permitirase a presentación de dúas solicitudes cando unha delas recolla exclusivamente o “bono asesoramento enerxético”
- O custe de adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor do mercado
- As axudas resolveranse en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de entrada no rexistro da solicitude, ata o esgotamento dos fondos.
- As persoas beneficiarias terán a obriga de manter o investimento para a finalidade para a que se solicitou por un período de dous anos desde o remate do proxecto.
- Estas subvencións son compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, sempre que non supere o 100% do investimento subvencionable ou o límite máximo establecido na normativa de aplicación.
- Estas axudas están sometidas a minimis.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: IN417Z
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.