A Xunta de Galicia convoca os premios de Artesanía de Galicia 2024, dirixidas a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, xa que as actividades artesanais forman parte do tecido produtivo ao tempo que actúan como fío condutor que posibilita a continuidade da nosa cultura.
MODALIDADES
Haberá tres categorías de premios:
- Premio Artesanía de Galicia 2024.
Premiará unha peza ou colección elaborada por un obradoiro, escollendo aquela obra que máis represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual, como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra, tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.
- Premio Traxectoria 2024.
Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia e outras entidades públicas ou privadas, encargados de facer a presentación das candidaturas. Valoraranse a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.
- Premio Bolsa Eloy Gesto 2024.
Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiaranse ata 3 candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terán en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.
QUEN PODE PARTICIPAR
Podemos diferenciar diferente público participante dependendo da modalidade:
- Premio Artesanía de Galicia 2024.
Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cuxo titular sexa unha persoa artesá.
- Premio Traxectoria 2024.
Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas. Estas propostas serán sempre realizadas por terceiros, é dicir, ningún obradoiro poderá realizar a proposta do titular ou dun traballador do propio obradoiro.
- Premio Bolsa Eloy Gesto 2024.
Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal cunha idade máxima de 45 anos en 2022.
PREMIOS
- Premio Artesanía de Galicia 2024. Dotación de 9.000 € e trofeo acreditativo.
A persoa gañadora cederalle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a propiedade da obra premiada. No caso de que as características físicas ou de propiedade do produto gañador impidan a súa cesión débese substituír por documentación gráfica ou visual deste.
- Premio Traxectoria 2024. Trofeo acreditativo, sen dotación económica.
- Premio Bolsa Eloy Gesto 2024. Bolsa de formación de 4.000 € e diploma acreditativo.
Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data de concesión destes.
XURADO
Constituirase un xurado cuxos/as membros serán nomeados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, competente en materia de artesanía, e estará integrado por:
- Un/unha presidente/a.
- Un/unha secretario/a.
- Un máximo de 5 vogais.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS
Dende o 16 de setembro ata o 27 de setembro de 2024 ás 14:30 horas.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: IN200A