O Inega convoca esta subvención de concorrencia competitiva co obxectivo de apoiar e fomentar os proxectos con fins de aforro enerxético e o uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo. A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
PERSOAS BENEFICIARIAS
- Entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
- Entidades sen ánimo de lucro.
- Empresas legalmente constituídas e autónomos; incluídas as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. A través da seguinte ligazón preséntanse os requisitos para que estas empresas poidan ser beneficiarias.
Requisitos:
- As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos do anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
- Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, a mais tardar, na data límite de remate do prazo de presentación da solicitude.
- As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 5 anos, excepto no caso das PEMES que será o período reducirase ata os 3 anos.
PROXECTOS E INVESTIMENTOS SUBVENCIONABLES
1. O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 (para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data).
2. Actuacións subvencionables (sempre que se leven a cabo en Galicia):
- Os paneis solares fotovoltaicos.
- O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertores, protección, cablaxe…), monitorización (sensores, comunicación remota, adquisición de datos…) e sistema de acumulación con baterías que non sexan de plomo ácido.
- O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
- O custo de montaxe e conexionado.
REQUISITOS DOS PROXECTOS SUBVENCIONABLES
- Debe cumprirse o Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT) ou de alta tensión, se fora o caso.
- A potencia máxima dos paneis fotovoltaicos será de 1000 kWp.
- O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) para as instalación fotovoltaicas estará dentro dos seguintes valores:
kWp | €/kWp (sen IVE) |
P<= 3 kWp | 1.950 |
3 <P <= 6 kWp | 2.400-150*P |
6 <P <= 20 kWp | 1.680-30*P |
20 kWp <P <= 100 | 1.140-3*P |
P> 100 | 750 |
- Se o proxecto leva baterías consideraranse custos sen IVE de 750 €/kWh de capacidade de acumulación. As baterías de plomo-ácido non serán elixibles.
- As axudas reguladas por esta orde atenderán ao principio de <<non prexudiciar significativamente>> a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020.
- En ningún caso serán subvencionables as instalación/equipamentos e ampliacións de instalación fotovoltaicas que xa fosen obxecto de subvención anteriormente.
NON SERÁN SUBVENCIONABLES
- O IVE, excepto cando non sexa recuperable.
- Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.
- As obras de mantemento.
- A obra civil non asociada á instalación dos equipamentos nin os gastos de legalización.
- Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisicións de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
CRITERIOS DE VALORACIÓN
- Características técnicas: ata 50 ptos.
- Paneis fotovoltaicos: ata 45 ptos.
En función da tecnoloxía do panel fotovoltaico segundo o seguinte criterio:
Tipo de módulo fotovoltaico | Puntuación |
Paneis fotovoltaicos con rendementos de panel superior ao 24 % | 45 |
Silicio monocristalino | 35 |
Silicio policristalino | 25 |
Silicio amorfo e resto de paneis | 5 |
- Integración arquitectónica dos paneis: ata 5 ptos.
Tipoloxía | Puntuación |
Superposición na cuberta coa mesma inclinación (coplanar) | 5 |
Marquesiña | 2,5 |
Outros | 0 |
2. Grao de autoconsumo da instalación: ata 30 ptos.
- Autoconsumo da instalación: ata 25 ptos.
Valoraranse aquelas instalacións cun maior grao de autoconsumo e aproveitamento da enerxía renovable xerada en función dos seguintes items:
- Relación entre a potencia contratada e a potencia da instalación fotovoltaica: Potencia contratada (valor máx. contratado nos períodos tarifarios) >= Potencia pico da instalación.
- Relación entre a enerxía anual xerada fronte á enerxía consumida: Consumo eléctrico >= 1500 * kWp.
- Modalidade de autoconsumo con excedentes.
- A instalación incorpora baterías para almacenamento.
A partir do cumprimento destes 4 items establécense tres rangos de autoconsumo con distinta puntuación:
- Rango de autoconsumo alto (cumprimento de 3 ou 4 items): 25 ptos.
- Rango de autoconsumo medio (cumprimento de 2 items): 10 ptos.
- Rango de autoconsumo baixo (cumprimento de 1 ou ningún ítem): 0 ptos.
- O proxecto forma parte dunha comunidade enerxética local: 5 ptos.
3. Repercusión enerxética da axuda concedida: ata 20 ptos. Avalariase en relación coas ratios de investimento máximo elexible por potencia do proxecto:
- Proxectos cuxa ratio investimento/potencia supere un 120%: 0 ptos.
- Proxectos cuxa ratio sexa inferior ao 80%: 20 ptos.
En caso de empate de puntutación aplicaranse os seguintes criterios:
- Maior puntuación obtida en <<Características técnicas>>.
- Maior puntuación obtida na epígrafe <<Grao de autoconsumo da instalación>>.
- Maior puntuación obtida na epígrafe <<Recuperación enerxética da axuda concedida>>.
- Data de presentación da solicitude.
CONTÍA
Beneficiarias | % máxima da axuda |
Entidades locais | 60 % |
Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (sen actividade económica) | 60 % |
Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas a axuda incrementarase en 20 ptos. Porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 ptos. | 20 % |
A contía máxima por proxecto será de 50.000 € e en ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
Para o cobramento da subvención concedida a persoa beneficiaria deberá xustificar previamente o investimento, ademáis este deberá estar plentamente realizado na data límite de xustificación do proxecto.
PRAZO
Desde o 20 de marzo ata o 19 de abril de 2024.
MÁIS INFORMACIÓN
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: IN421S
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto con oso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono: 986 42 33 66.
O contido desta presentación é só para fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.