AXUDAS PARA A EDICIÓN DE AUDIOLIBROS E LIBROS EN LECTURA FÁCIL 2024

A Xunta de Galicia publica esta convocatoria de axudas dirixidas ás empresas do ámbito editorial e destinadas a compensar os gastos da edición, distribución e comercialización de audiolibros e libros adaptados para a lectura fácil en galego, tanto en formato físico como dixital.

O obxectivo é incentivar ás editoriais para que incrementen a produción de libros que favorezan  a dixitalización e o acceso universal á cultura, abrindo ao mesmo tempo novas vías de negocio para o sector.

Os audiolibros e libros adaptados en lectura fácil en galego deberán estar editados, comercializados e distribuídos entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.

Inclúense as seguintes modalidades de produción, distribución e comercialización:

  • Modalidade A. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego.
  • Modalidade B. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego.

BENEFICIARIOS

Persoas físicas ou xurídicas que poidan acreditar a condición de editoras (alta no epígrafe 476.1 do Imposto de actividades económicas).

Quedan excluídas as asociacións e fundacións.

REQUISITOS DOS PROXECTOS SUBVENCIONABLES

Modalidade A (audiolibros). Deberán reunir as seguintes características:

  • Ter como orixe unha obra cuxa primeira edición fose publicada previamente en galego nos últimos cinco anos ou en calquera outro idioma que se traducise para a lingua galega, e deberán ser unha reprodución fidedigna dela.
  • Editarse para a súa comercialización, é dicir, a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.
  • Estar realizadas mediante a utilización de voz humana real.
  • No caso de edición en galego e noutro idioma, sempre que sexan publicadas por unha mesma entidade, empresa ou grupo editorial, será necesario que a edición en galego do audiolibro sexa anterior ou simultánea á edición noutro idioma, no caso de que esta exista.
  • Audiolibros cuxa produción sexa comercializada a través de plataformas de distribución dixital.
  • Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.
  • Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de 5 audiolibros.

Modalidade B (Libros de lectura fácil).  Deberán reunir as seguintes características:

  • Estar editados en galego ou calquera outro idioma que, de ser o caso, se traducirá á lingua galega, e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital. Enténdese por edición comercial a que está suxeita a un prezo de venda ao público.
  • Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego, durante os últimos cinco anos e da que non exista adaptación en lectura fácil no mercado.
  •  Serán traducións ao galego de obras publicadas noutro idioma e que xa estean adaptados en lectura fácil.
  •  No caso de edición en galego e noutro idioma, sempre que sexan publicadas por unha mesma entidade, empresa ou grupo editorial, será necesario que a edición en galego dos libros adaptados sexa anterior ou simultánea á edición noutro idioma, no caso de que esta exista.
  • Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.), só se poderá presentar nunha delas.
  • Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.
  • Empregarán o logo de Lectura fácil como selo de calidade, que garante o seguimento das Directrices internacionais de lectura fácil marcadas pola IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas) e Inclusion Europe, e, polo tanto, acredita a validación das obras adaptadas.
  • Serán difundidos a través do mercado do libro e, de ser o caso, a través dos catálogos das entidades especializadas en accesibilidade e inclusión.
  • Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de 5 libros adaptados en lectura fácil.

GASTOS SUBVENCIONABLES

Na modalidade A (audiolibros):

  • Gastos de preparación da obra para a súa conversión: considéranse gastos de produción os de locución, medios técnicos do proceso de gravación (técnicas de son), corrección editorial, dirección, ou calquera outro gasto de similar natureza.
  • Gastos de alugamento ou de disposición do equipamento técnico necesario para a produción final.
  • Gastos de distribución:calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.
  • Gastos de comercialización:estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.

Na modalidade B (Libros de lectura fácil).

  • Custo editorial:considéranse gastos de custo editorial os de autoría, adaptación, tradución, revisión, validación, maquetación, custos de preimpresión e impresión, dixitalización ou calquera outro de natureza similar.
  • Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión físicas ou dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.
  • Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.

Os gastos subvencionables deberán estar comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.

CONTÍA DAS AXUDAS

No caso da modalidade A (audiolibros), adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación, asegurando que o importe final adxudicado a cada audiolibro sexa o 80 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria. O importe máximo subvencionable por audiolibro será de 5.000 €, cunha axuda total máxima de 20.000€ por empresa editora.

No caso da modalidade B ( libros en lectura fácil), adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación, asegurando que o importe final adxudicado a cada libro en lectura fácil sexa o 90 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria. O importe máximo de subvención no caso do libro adaptado en lectura fácil será de 6.000 € por obra e de 15.000€ por empresa editora.

Estas axudas están suxeitas ao réxime de minimis.

PRAZO

Poderanse presentar solicitudes ata o 8 de abril de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

ORDE do 27 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición de audiolibros e libros en lectura fácil, e se procede ásúa convocatoria para o ano 2024.

Códigos de procedemento:

CT238B: produción de audiolibros (Modalidade A)

CT238C: edición de libros en lectura fácil (Modalidade B)

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido deste resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *