AXUDAS MUNICIPAIS Á CONTRATACIÓN 2023. CONCELLO DE VIGO

Se es autónomo ou tes unha empresa en Vigo e esta pensando en contratar ou mellorar as condicións de emprego dos teus empregados transformando os seus contratos en indefinidos, este programa de axudas municipais á contratación do Concello de Vigo pódeche interesar.

Esta axuda ten como obxectivo facilitar que as empresas contraten e melloren as condicións e o emprego estable e de calidade das persoas traballadoras empadroadas no municipio de Vigo, outorgando especial atención ás persoas traballadoras máis vulnerables no mercado laboral, a través dos seguintes programas de axudas:

  • Programa Indefinidos: incentivos para a transformación de contratos temporais en indefinidos.
  • Programa Contratacións: incentivos para a contratación indefinida de persoas traballadoras desempregadas.
  • Programa Mellora: incentivos para a mellora da estabilidade laboral.

Beneficiarias

  • Persoas físicas (autónomos/as).
  • Empresas privadas, con independencia da súa forma xurídica.
  • Comunidades de bens.
  • Sociedades civís.
  • Sociedades cooperativas.
  • Sociedades laborais.
  • Persoas emprendedoras que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional que reúnan os requisitos e obrigas da convocatoria.

Non poderán solicitar estas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as persoas físicas distintas do disposto no parágrafo anterior.

Requisitos

  1. Que o centro de traballo da persoa traballadora pola que se solicita a axuda estea no termo municipal de Vigo.
  2. Acreditar que a persoa traballadora estea empadroada no municipio de Vigo polo menos desde o 1 de xaneiro de 2022.
  3. As condicións para o incremento da contía da axuda segundo o colectivo no que se encadre a persoa traballadora concorrerá no momento do inicio da relación laboral, da transformación do contrato temporal en indefinido ou da mellora das condicións do contrato, segundo o programa de axudas solicitado.
  4. No poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades, independentemente da súa forma xurídica, nas que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 13 da Lei 38/2003 e 10 da Lei 9/2007.
  5. Que teñan debidamente xustificadas en tempo e forma as axudas outorgadas nesta área do Concello de Vigo na convocatoria anterior.
  6. Que se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), co Concello de Vigo e coa Seguridade Social.
  7. Que non exista no orzamento municipal vixente consignación orzamentaria nominativa ao seu favor para a concesión dunha subvención ou axuda directa, é dicir, para a formalización dun convenio de colaboración, para o fomento do emprego.

Programa de axudas

  • A) Programa Indefinidos: comprende a transformación a indefinido do contrato previo formalizado, e de ser o caso as súas prórrogas, en calquera das modalidades contractuais vixentes no período comprendido desde o 16 de xullo de 2022 ao 30 de xuño de 2023 realizado á persoa traballadora pola que se solicita a axuda. O contrato indefinido terá unha xornada laboral superior ou igual ao 50% da xornada laboral semanal establecida no convenio colectivo de aplicación e será superior ou igual ao contrato temporal do que deriva. A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda estará empadroada no municipio de Vigo polo menos desde o 1 de xaneiro de 2022 e prestará servizos no mesmo.
  • B) Programa Contratacións: Comprende a contratación indefinida de persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, empadroadas no municipio de Vigo, para prestar servizos no mesmo, no período comprendido entre o 16 de xullo de 2022 e ó 30 de xuño de 2023. O contrato subscrito terá unha xornada laboral superior ou igual ao 50% da xornada laboral semanal establecida no convenio colectivo de aplicación. A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda resultará seleccionada entre as candidaturas remitidas desde a unidade de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo e/ou desde o Servizo Público de Emprego de Galicia para o que previamente se remitirá a correspondente oferta de emprego. No caso de falta de candidaturas co perfil requirido admitirase á empresa solicitante a contratación dunha persoa traballadora que resulte do seu proceso de selección e reúna os requisitos desta convocatoria. Quedan excluídas as contratacións indefinidas iniciais que se realicen con persoas traballadoras que nos 6 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido, ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación nos casos de sucesión de empresas previsto no art. 44 do RDL 2/2015, do 23 de outubro.
  • C) Programa Mellora: Comprende a axuda para a mellora da estabilidade laboral no período comprendido entre o 16 de xullo de 2022 e ó 30 de xuño de 2023, a través das seguintes opcións:
    • O incremento de xornada laboral do contrato formalizado de tempo parcial a tempo completo segundo estableza o correspondente convenio colectivo de aplicación.
    • O incremento da duración anual do contrato fixo-descontinuo a un mínimo de 9 meses a xornada completa.

A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda estará empadroada no municipio de Vigo polo menos desde o 1 de xaneiro de 2022 e prestará servizos no municipio.

Contía

  • A) Programa Indefinidos:

Os importes de subvención detallados nas táboas corresponden á transformación a contratos indefinidos a xornada completa. No caso de contratos a xornada parcial o importe da subvención será proporcional á porcentaxe da xornada laboral, sempre que teñan unha duración igual ou superior ao 50% da xornada laboral semanal establecida no convenio colectivo de aplicación. Como caso excepcional e previa xustificación, poderase subvencionar a transformación de contratos realizados a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social cunha duración da xornada laboral inferior á establecida, sempre que sexa igual ou superior ao 30% da xornada laboral recollida no convenio colectivo de aplicación.

  • B) Programa Contratacións:

Os importes de subvención detallados nas táboas corresponden a contratos a xornada completa. No caso de contratos a xornada parcial o importe da subvención será proporcional á porcentaxe da xornada laboral, sempre que teñan unha duración mínima do 50% da xornada laboral semanal establecida no correspondente convenio colectivo de aplicación. Como caso excepcional e previa xustificación, poderase subvencionar a transformación de contratos realizados a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social cunha duración da xornada laboral inferior á establecida, sempre que sexa igual ou superior ao 30% da xornada laboral recollida no convenio colectivo de aplicación.

  • C) Programa Mellora:

Como caso excepcional e previa xustificación, poderase subvencionar a mellora de contratos realizados a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social cunha duración da xornada laboral inferior á establecida, sempre que sexa igual ou superior ao 30% da xornada laboral recollida no convenio colectivo de aplicación.

Contía adicional e contía máxima por empresa para os 3 programas:

  • Ás persoas emprendedoras autónomas e micropemes corresponderalle unha contía adicional de 500€ sobre o total da contía da axuda resultante que será de aplicación unha soa vez con independencia do número de solicitudes presentadas nas distintas modalidades desta axuda.
  • A subvención máxima total por empresa solicitante será de 10.000€ con independencia do número de solicitudes presentadas nas distintas modalidades de axuda, agás que non se esgotara o crédito orzamentario disposto e a Comisión de Valoración estime incrementar este límite.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 5 de xullo de 2023.

Máis información e acceso ao procedemento de solicitude

Consultar a BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA DAS AXUDAS MUNICIPAIS Á CONTRATACIÓN 2023. CONCELLO DE VIGO

Concello de Vigo: Axudas municipais á contratación 2023

Acceder ao procedemento de tramitación:

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *