Esta orde ten por obxecto establecer as bases das subvencións a persoas físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma Galega, facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2023.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Obxecto da subvención
Os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante, realizadas no sector do libro de entre as seguintes: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.
No caso das persoas xurídicas poderán asistir ás actividades subvencionadas dous traballadores, previamente designados pola empresa e que figuren na solicitude, a unha actividade cada un ou ben un traballador a dúas actividades.
A concesión destas axudas efectuarase tendo en conta a data de presentación de cada unha das solicitudes, sempre que se cumpran os requisitos para poderen ser beneficiarias, e estará en calquera caso condicionada á existencia de crédito orzamentario.
Persoas beneficiarias
Persoas físicas, sexan autónomas ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma Galega que:
- Terse inscrito ou ter asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
- Acreditaren o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma Galega.
- Ter publicado obra en Galicia, polo menos unha, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.
As persoas xurídicas deben acreditar a condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2023, na epígrafe 476.1, edición de libros, ou 774, tradutores e intérpretes, do imposto de actividades económicas, e contar, tamén antes da citada data, cun departamento de edición ou tradución en Galicia.
Contía das subvencións
As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria por un importe de 30.000,00 €.
O financiamento dos gastos da viaxe refírese ao aloxamento e transporte e terá o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:
- España, agás a Comunidade Autónoma Galega: 500,00 €
- Resto de Europa ou países ribeiregos do Mediterráneo: 900,00 €
- Resto do mundo: 1.600,00 €
Gastos subvencionables e excluídos
Para o establecemento da contía que se pode percibir en concepto de gasto de viaxe valorarase, exclusivamente, a xustificación documental dos gastos de aloxamento e transporte.
Quedan expresamente excluídos desta subvención os gastos de manutención ou calquera outro gasto que non se refira de xeito indubidable ao obxecto da subvención.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 2 de novembro de 2023.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
- Código de procedemento CT221A
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.