Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2023, no ámbito da
Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas á contratación de persoas desempregadas na
empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores
dificultades de inserción laboral.
PERSOAS E ENTIDADES BENEFICIARIAS
As persoas empregadoras e as empresas, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas
traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na
Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros
especiais de emprego (excepto para facer contratos con persoas con discapacidade) e as empresas
de inserción laboral (excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión
social).
No caso de empresa de 50 ou máis traballadores, deberán cumprir a cota de reserva para persoas
con discapacidade (segundo a Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade)
LIÑAS E CONTÍAS
A liña de incentivos á contratación por conta allea inclúe catro modalidades de axuda:
- Incentivos ás contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas, que terán as seguintes contías base de axuda, segundo o colectivo ao que pertenza a persoa contratada:
- Persoa moza: 6.000 euros.
- Persoa parada de longa duración: 10.000 euros.
- Persoa de 55 anos ou máis: 10.000 euros.
- Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 10.000 euros.
- Muller: 14.000 euros.
- Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 16.000 euros. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo.
As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
- No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
- Se a persoa contratada é maior de 45 anos (incremento non aplicable na letra C do punto anterior).
- Se a persoa contratada é unha muller (incremento non aplicable na letra E do punto anterior).
- Persoas trans.
- Se a contratación se realiza con mulleres en profesións e oficios en que as mulleres estean subrepresentadas, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no Anexo II dispoñible para a súa consulta na sede electrónica da Xunta.
A contía máxima posible que se pode subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 36.000 euros.
- Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais (de xornada parcial a xornada completa): axuda de 2.000 euros. Se o incremento de xornada se realiza en persoas con discapacidade, o incentivo será de 3.000 euros.
- Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-discontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa: axuda de 4.000 euros.
- Axudas para adaptación de postos de traballo de persoas discapacitadas, ou pola dotación de equipamentos de protección persoal: a axuda consiste en 1.000 euros.
Liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo: Poderá solicitarse unha axuda de 4.000 euros para a realización de actividades de formación para cada unha das persoas traballadoras cuxa contratación sexa subvencionada na liña anterior.
Ademais, a formación debe cumprir os seguintes requisitos:
- Ter unha duración mínima de 70 horas
- Que os contidos estean relacionados co posto de traballo
- Que se desenvolva dentro dos tres primeiros meses dende o inicio do contrato e finalice antes do 29/10/2023.
EXCLUSIÓNS
Non serán subvencionables:
- As relacións laborais de carácter especial e as contratacións que se realicen mediante contratos de posta a disposición.
- Os contratos realizados con parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive a excepción dos realizados por parte dun autónomo para a contratación dos fillos menores de 30 anos ou dun autónomo sen asalariados que contrate uns ó familiar maior de 45 anos non convivinte.
- Os contratos realizados coas persoas socias ou administradoras da entidade solicitante.
- As contratacións indefinidas iniciais realizadas con persoas que tivesen un contrato indefinido coa mesma empresa ou grupo de empresas nos 6 meses anteriores ou un contrato temporal nos últimos 3 meses.
PRAZO
O prazo de solicitude remata o 29/09/2023 (non obstante, deberase ter en conta que as axudas se concederán por orde de presentación ata o esgotamento dos fondos).
MÁIS INFORMACIÓN
Consulta a ORDE do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega.
Acceder ao Procedemento TR342C.
Para calquera información adicional sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores chamando ao teléfono 986 42 33 66.
NON ESQUECER:
Existe a obriga de manter a persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de vinte e catro meses contados desde a data de realización da contratación, do incremento da xornada, da duración anual do contrato fixo-descontinuo ou da adaptación de postos.