A Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade abre a convocatoria para o 2023 das axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
O obxecto desta convocatoria é axudar ás persoas desempregadas que queiran desenvolver unha actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, facilitando que poidan facer fronte aos gastos iniciais.
Poderán subvencionarse as altas que se formalicen entre o 1 de outubro de 2022 ata a data de peche desta convocatoria.
PERSOAS BENEFICIARIAS
Persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, cos seguintes requisitos:
- Que estivesen desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no SPEG, con anterioridade á alta como autónomas.
- Estar de alta no imposto de actividades económicas
- Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia
- Teren o domicilio fiscal en Galicia
- Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores.
- Non ter desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, nin que estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores
As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
CONTÍAS DE SUBVENCIÓN
- Axuda de 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
- Axuda de 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se inclúan nalgún dos seguintes colectivos (que non serán acumulables):
- Persoas menores de 30 anos.
- Persoas desempregadas de longa duración.
- Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.
- Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.
- Persoas maiores de 55 anos.
A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
- Se a persoa incorporada é unha muller.
- No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural. Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.
- Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra e do anterior apartado )
- Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada ou estranxeira.
- Persoas trans.
- Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións.
Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.
INCOMPATIBILIDADES E CONCORRENCIA
A subvención establecida neste programa será incompatible con:
- Programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma.
- Programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
- Iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
- Axudas comprendidas no programa Nova Oportunidade que se convoque no ano 2023, no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, convocadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade,
- Axudas que, polos mesmos conceptos e para a mesma finalidade, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.
Será compatible coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no ano 2023 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes.
PRAZO
O prazo para a solicitude estará aberto dende as 09:00 horas do 25 de xaneiro ata as 09:00 horas do 29 de setembro de 2023.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través da https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR341D
MÁIS INFORMACIÓN
Consulta a ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre autónomo.
Para calquera información adicional ou se precisas axuda para a tramitación destas axudas, podes solicitar cita no noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.