No DOG do dia 3 de novembro ven de publicarse o DECRETO 178/2022, do 15 de setembro, polo que se
regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro
administrativo que contén interesantes novedades:
No primeiro capítulo, referido ás disposicións xerais, logo de delimitar o obxecto e ámbito de aplicación
do decreto, regula certos aspectos relativos ás persoas beneficiarias do proceso de inserción, das propias
empresas de inserción e das súas entidades promotoras:
• Adáptase a denominación das empresas de inserción á Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a
regulación do réxime das empresas de inserción, perdendo o cualificativo de «laboral» que se recollía no
decreto anterior.
• Polo que respecta ás persoas beneficiarias, esta norma recolle dúas previsións coas que se pretende
facilitar e axilizar a súa incorporación á empresa, tendo en conta a esixencia de que os servizos sociais
competentes valoren previamente a súa situación de exclusión. Estas dúas medidas son, por un lado,
outorgarlle validez –para os únicos efectos do previsto no decreto– ás valoracións xa realizadas, sempre
que non transcorresen máis de seis meses, sen prexuízo de que poidan ser desvirtuadas por un informe
posterior; e por outro lado, considerar acreditada a situación de exclusión cando a persoa beneficiaria sexa perceptora da renda de inserción social de Galicia ou forme parte da unidade de convivencia dunha persoa perceptora, por entender que, neste caso, segue vixente a valoración social que deu lugar a esta
percepción.
• Polo que respecta ás entidades promotoras, concrétase a porcentaxe mínima de participación na
empresa en función da tipoloxía desta, en aplicación das distintas normas aplicables ás cooperativas, ás
sociedades laborais e ao resto das sociedades mercantís.
• Tamén se establecen limitacións para a cualificación das empresas que cometesen delitos ou
infraccións que se consideran incompatibles coa adecuada prestación dos servizos que lles son propios,
tendo en conta a especial vulnerabilidade da poboación a que van dirixidos.
No capítulo II regúlanse os procedementos de cualificación e descualificación das empresas de inserción,
que se tramitarán de forma electrónica na súa integridade. Como novidade:
• Incorpórase a diferenciación do procedemento, en dúas fases, que determinan a cualificación
provisional e definitiva, respectivamente.
• Deste xeito posibilítase que as empresas que reúnen as condicións para ser empresa de inserción
poidan obter esta cualificación, de forma provisional, antes de contratar as persoas en inserción, o que
reduce os tempos de tramitación (ao ter que revisar e comprobar menos condicións), facilita a
operatividade das empresas e, sobre todo, reduce a inseguridade xurídica que supoñía ter que contratar
persoal como empresa de inserción sen ter asegurada a súa cualificación como tal.
No capítulo III regúlase o funcionamento do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de
Galicia.
• Das súas disposicións cómpre destacar as referidas á publicidade e constancia rexistral, tanto desde o
punto de vista das empresas inscritas, para as que se establecen obrigas de presentación de información,
como desde a vertente do público interesado, recollendo que datos e en que circunstancias serán públicos.
O capítulo IV contén as disposicións relativas á relación entre as persoas en situación de exclusión e
as empresas de inserción, desde o momento en que se incorporan ata a finalización da súa relación
laboral, regulando a intervención dos servizos sociais e do Servizo Público de Emprego nas distintas fases
do proceso e fixando prazos para cada unha delas.
• En virtude da modificación operada no artigo 66 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de
inclusión social de Galicia, a elaboración do itinerario de inserción pode agora partir de calquera das
partes implicadas (servizos sociais públicos competentes, Servizo Público de Emprego ou empresa de
inserción).
• Non se require unha sinatura conxunta do documento, senón a simple aceptación ou
conformidade, se é o caso, que ademais se entenderá tácita no caso dos servizos sociais públicos
competentes e do Servizo Público de Emprego se non efectúan indicacións, o que facilitará e simplificará
o proceso.
Finalmente, nas disposicións adicionais establécense as normas aplicables en materia de protección de
datos persoais, a utilización do termo «empresa de inserción» e a obriga de fomento e promoción das
empresas de inserción por parte da Xunta de Galicia. Na disposición transitoria recóllese o prazo para a
adaptación das empresas existentes ao establecido neste decreto.
O decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (01 de decembro
de 2022)
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221103/AnuncioG0656-211022-0004_gl.pdf