Estas axudas para á mellora de albergues turísticos están concedidas en réxime de concorrencia non competitiva. A súa finalidade é lograr unha mellora en instalacións, dixitalización e automatización.
BENEFICIARIOS
Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas incluídas na definición de albergues turísticos recollida na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado o establecemento, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante REAT). Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Quedan excluídos desta convocatoria os albergues de peregrinos de titularidade pública, os albergues xuvenís integrados na rede de albergues xuvenís e os establecementos dedicados a aloxamento en salas colectivas por motivos escolares, educativos ou sociais, como zonas provisionais destinadas a eventos culturais, deportivas ou recreativas.
GASTO SUBVENCIONABLE
Considéranse gastos subvencionables aqueles que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2022. En ningún caso se admitirán facturas nin xustificantes de pagamento que non estean comprendidos entre esas datas. Os conceptos subvencionables son os seguintes:
- Instalación e equipamento de sistemas de automatización de instalacións (domótica) e de eficiencia enerxética:
- Equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.
- Instalación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, ventilación forzada, mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura.
- Instalacións de xeración de enerxía solar para autoconsumo.
- Sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.
- Instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos (e-bikes, vehículos eléctricos, etc.) que permitan ao establecemento repercutir o custo da electricidade consumida na recarga.
- Mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade.
- Substitución de equipamento eléctrico por equipos de menor consumo.
- Renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
- Mellora das instalacións:
- Melloras no illamento acústico dos cuartos para a insonorización destes co fin de evitar molestias entre os hóspedes de cuartos contiguos e zonas de paso.
- Melloras no illamento térmico da envolvente do edificio do establecemento co fin de reducir o consumo enerxético en calefacción.
- Renovación de cartelaría, rótulos e sinalización exterior dos establecementos. Mellora da imaxe corporativa, renovación de logotipos, branding, etc. Contratación de servizos de asesoramento de deseño gráfico.
- Reforma e acondicionamento das unidades aloxativas que garantan a mellora da salubridade das instalacións.
- Equipamentos mobles necesarios que garantan a seguridade e a mellora das instalacións e que permitan a adaptación do albergue ao turismo familiar.
- Dixitalización:
- Adquisición de equipamento e contratación de servizos para a informatización e automatización de procesos do establecemento (check-in, xestión de reservas, facturación, TPV…).
- Sistemas de control de presenza: cámaras, sensores, sistemas de check-in/check-out.
- Sistemas de cartelaría electrónica para mensaxes á clientela e de emisión de contidos en xeral.
- Sistemas de notificación en móbil; sistemas de xestión de contidos electrónicos para hostalaría.
No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, así como os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
CONTÍA
O importe máximo da axuda para a mellora de albergues turísticos será do 80 % do investimento, cun máximo de 6.000 € por beneficiario.
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de agosto de 2022.
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información consulta a RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en mellora da calidade dos albergues turísticos financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 ou a Sede Electrónica da Xunta (TU960B).